Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor
danés
Hans Christian Andersen,
(SE QUERES VER OS SEUS CONTOS PINCHA AQUÍ) o
IBBY promove a celebración do Día
Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros
infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora
internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e
selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba
unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido
ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en
colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con
este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros
con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.
Este ano foi a sección irlandesa de IBBY e a encargada de facelo é
Siobhán Parkinson coa ilustradora NIAMH SHARKEY.
DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2014
CARTA AOS NENOS DO MUNDO
OS
LECTORES, a miúdo lle preguntan aos escritores como escriben as súas
historias - De onde saen as ideas? Veñen da miña imaxinación,
contéstalles o escritor. Ah, claro, adoita responder o lector. Pero,
onde está a túa imaxinación, de que está feita e é certo que todo o
mundo ten unha?
Ben, responde o escritor, está na miña cabeza, por
suposto, e está composta de imaxes e palabras e recordos e rastros
doutras historias e palabras e fragmentos de cousas e melodías e
pensamentos e rostros e monstros e formas e palabras e movementos e
palabras, ondas e arabescos e paisaxes e palabras e perfumes e
sentimentos e cores e rimas e pequenos estalos e asubíos e sabores e
explosións de enerxía e adiviñas e brisas e palabras. Todo iso xirando
aí dentro e cantando e comportándose como un calidoscopio e aboiando e
sentándose e pensando e rañando a cabeza.
Por suposto que todo o mundo ten imaxinación: sen
ela, non seriamos capaces de soñar. Porén, non toda imaxinación ten as
mesmas cousas dentro dela. Probablemente, a imaxinación dos cociñeiros
conteña na súa maioría sabores, da mesma maneira que a imaxinación dos
artistas conterá sobre todo cores e formas. A imaxinación dos escritores
está principalmente chea de palabras.
Para os lectores oíntes de historias, as súas
imaxinacións tamén se nutren de palabras. A imaxinación dun escritor
traballa, dá voltas e dá forma ás ideas, aos sons, ás voces, aos
personaxes e aos acontecementos ata convertelos nunha historia; esta
historia non está composta doutra cousa que non sexan palabras,
batallóns de garabatos desfilando polas páxinas. Entón ocorre que, de
pronto, chega un lector e eses garabatos cobran vida. Seguen estando na
páxina, seguen parecendo garabatos pero tamén están choutando na
imaxinación do lector, e este dá forma e fía as palabras para que a
historia agora teña lugar na súa cabeza, como tivo lugar na cabeza do
escritor.
Este é o motivo polo que o lector é tan importante
para unha historia como o é o escritor. Só hai un escritor para cada
unha delas, pero hai centos ou miles ou incluso ás veces millóns de
lectores de historias, que len no mesmo idioma que o do escritor ou que
quizais ata lean traducións en moitos outros idiomas diferentes. Sen o
escritor, non nace o conto; sen todos os miles de lectores arredor do
mundo, o conto non chegará nunca a vivir todas as vidas que pode vivir.
Todo lector dunha historia ten algo en común cos
outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén
dalgunha maneira xuntos, eles recrearon a historia na súa propia
imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual
como común, íntima como internacional.
É, posiblemente, o que os humanos fan mellor.
Seguide lendo!
Siobhán Parkinson
Autora, editora, tradutora
e gañadora do Premio na nÓg
Traducción: Concha Blanco